mércores, 4 de abril de 2018

Traballos magníficos relacionados con países aos que viaxar

Creativos de cuarto presentaron traballos de investigación e manualidades coma estes de Breogan sobre Venecia e Exipto. 
Noraboa  polo teu bo traballo Breogán!
Están expostos na Biblio Crocaio.





Visita a AQUALIA


Aqualia é a compañía de servicios públicos de auga de Vigo, onte visitamos as súas instalacións na Rúa Cantabria en Vigo. Alí puidemos escoitar unha charla na que nos lembraron o ciclo da auga cun vídeo e participamos nun xogo para coñecer o uso responsable que facemos da auga.
Despois saímos ao exterior a coñecer as súas instalacións e alí vimos a boca do túnel polo que entra a auga directamente da presa de Eiras, travesando a famosa "Ruta da auga", un sendeiro moi coñecido para nós porque  o percorremos camiñando  ou en bici, xa que é moi chan e vai ata máis alá de Redondela .
Despois explicáronnos o proceso de decantación polo que recollen toda a suciedade que trae a auga e os posteriores procesos para que a auga chegue ao noso fogar  perfectamente limpa. Vimos un inmenso depósito  e comprendimos canta auga se gasta diariamente na nosa cidade!!

Despois mostráronnos o museo no que ademais de máquinas, contadores antigos etc. teñen rochas que extraeron das excavacións dos túneis polos que pasaron. Tamén nos agasallaron cuns dvd para a biblioteca e unha gorra a cada un!
Tamén nos lembraron que este mesmo día se inauguraba a nova  depuradora de augas residuais do Lagares en Vigo que é unha importante obra para a nosa cidade:

               
Na Biblio Crocaio temos moitos libros que nos falan das mil formas da auga por exemplo Versos de auga de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, poeta que nos visitou e que está nomeado "Vigués distinguido ", entregado hoxe de mans do noso alcalde, e que tamén recolleu a escritora LEDICIA COSTAS.
          A nosa noraboa a estes escritores moi coñecidos das nosas bibliotecas!!



OBRADOIRO DE IGUALDADE NA BIBLIO CROCAIO



Recibimos á monitora do Concello de Vigo de igualdade, Elsa, para dar por rematadas as sesións do obradoiro de igualdade deste curso 2017-18.
Camiña con nós pola Igualdade é un programa educativo elaborado dende a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e 2º,4º e 6º de Primaria

.

venres, 30 de marzo de 2018

Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.

OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO 
As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. ... Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio. A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. 
Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. ...

 Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro. 
Traducción Ana Luna e Antía Marante

Concurso: Un conto de H. C. Andersen en cómic:



mércores, 21 de marzo de 2018

Obradoiro de lectura de Marzo

Os bibliotecarios voluntarios agasallaron poemas

En infantil fixeron selección de poemas e copiaron un para cada neno e nena
1º curso recibiron "A pombiña branca " do libro Fafarraios da escritora Gloria Sánchez, 2º,3º e 4º "A primavera" de Helena Villar Janeiro e 5º e 6º "La paloma" de Rafael Alberti.


Non quedou ninguén sin un poema!


A PRIMAVERA tamén viaxa!

A PRIMAVERA
Unha mañá de cedo
ergueuse a primavera
buscando para o pelo
as flores da lileira.

Para atopar xardíns
púxose de camiño
e avisou aos paxaros
de que fixesen niños.
Tamén buscaba rosas
nos recantos floridos
cando agardan por maio
que está durmido.

-Cabaliño do demo,
Cadeliña de frade,
   Canto tempo queda 
ata a cidade?
-Un río, dúas pontes,
tres soutos, catro serras,
  cinco bosques moi mestos 
e seis mil leiras.


Fermosos poemas para ler todos os días , memorizar, cantar, recitar e xogar. 
Na Biblio Crocaio!